"A lenda das vellas"

Os veciños de Sabucedo manteñen, en efecto, comunitariamente a crenza de que a orixe desta festa está no feito dunha gran peste que devastou a bisbarra. En tal situación dúas irmás ofrécenlle a San Lourenzo, padroeiro da parroquia, dúas bestas da súa propiedade se as defendía do contaxio. No tempo que durou a ameaza da peste as irmás refuxiáronse nunha cabana non moi afastada do pobo (a fuxida era entón considerada como o mellor remedio para non pereceren). Pasada a peste cumpriron a súa promesa, doándolle ó párroco as bestas, que andando o tempo se multiplicaron polos montes próximos.

Sobre esta posible orixe da Rapa das bestas non hai noticias nos libros parroquiais, aínda que existen algúns datos que poderían estar a prol dela nalgúns topónimos que semellan ter relación co sitio, próximo á Sabucedo, onde as vellas se refuxiarían; por exemplo, "A Cabana" ("O Coto da Cabana"), unha leira nunha carballeira a un quilómetro máis ou menos da aldea de na que se atopan restos (nos anos oitenta do século pasado aínda visibles, soterrados despois e redescubertos arqueoloxicamente no ano 2013) de muros ou paredes dunha antiga casa; hai tamén, no entorno desa mesma "Cabana", outros topónimos como "Carballeira das Vellas", "Lebagueiras vellas", "Fonte das Vellas", etc.

En calquera caso, a tradición oral podería estar baseada nalgunha das pestes das que hai constancia que tiveron lugar desde a segunda metade do século XVI.Sabemos concretamente dunha que afectou directamente ó Couto de Codeseda (e polo tanto non só a Codeseda, senón tamén a Liripio e Sabucedo, pertencentes entón a ese Couto). Foi a peste bubónica ("mal de bubas") do ano 1567. No "Tumbo E" da Catedral de Santiago hai esta anotación: "Año de mill e quinientos sesenta y siete por el mes de Octubre empeçó la pestilencia en el puerto del Grobe y duró más de año y medio; y de allí dio en Caldas de Reyes, en Codeseda, en Noya, en Rianjo; y por Mayo de sesenta y nuebe empeçó en la villa de Vigo y en la ciudad de Santiago, y duró en ella hasta el mes de henero de setenta. Murieron en Sanctiago ocho mil personas de toda suerte". Naturalmente, desta ou outras pestes posteriores non pode haber constancia nos documentos parroquiais, dado que estes comezan a escribirse a finais do século XVII (no ano 1682).

Petroglifos

En calquera caso, non se sabe con certeza cando o pobo de Sabucedo comezou a realacionarse coas bestas. Nos petroglifos dos séculos XVIII-VIII a. C. achados nos montes onde viven ceibes as bestas de Sabucedo hai gravados nos que aparecen cabalos, moitos con xinetes tratando de dominar o animal.

Chan da lagoa

Cervos, combinacións circulares, pseudolaberínticas e esceas de equitación en Chan da Lagoa, en Parada

Outeiro dos Cogoludos

Xinetes dun dos petroglifos do Outeiro dos Cogoludos, en Paredes.

Prospección arqueolóxica

Pódese afirmar que si Roma ten dous pais mitolóxicos: os irmáns Rómulo e Remo, a Rapa das Bestas de Sabucedo ten dúas nais lendarias das que, a parte da tradición oral, se conservan, grazas a unha prospección arqueolóxica, os vestixios da que fora a súa vivenda, "A Casa das Vellas", lugar de obrigada visita para todo bo amante da nosa tradición.