O Curro

O que sucede no curro non é doado transmitilo e quen non o vivira directamente algunha vez, posto que se trata dunha experiencia na que se mesturan a vivencia comunal do pobo, como espectador e como aloitador, na busca da súa propia identidade e autoafirmación, a vivencia da loita, do triunfo, da colaboración, do respecto polos animais.

As "Bestas do Santo"

No curro só se leva a cabo a rapa dos cabalos e eguas “do Santo”, xa que o resto son particulares, e serán os seus donos os que o luns nos seus propios acurramentos fagan as tarefas oportunas.

Desparasitación

Dentro dos traballos que se realizan dentro do Curro ten especial importancia as tarefas de desparasitación interna dos animais, mellorando as condicións hixiénico-sanitarias das bestas.

Separación dos poldros

A "aloitar" apréndese dende novo posto que son os rapaces quen inician o curro collendo os poldriños para separalos e que así non se fagan dano nas diferentes tarefas. O rapaz pequeno "iníciase" simbólicamente na xuventude ou madurez, guiado e dirixido polos xa iniciados. Deste xeito o rapaz queda admitido simbólicamente no grupo dos que van ter parte activa na dominación dos cabalos salvaxes nun futuro, como recolleitadores dunha tradición

"Aloitar e os aloitadores"

O traballo levado a cabo no curro é sen dúbida, pola súa perigosidade, o acto máis espectacular que nesta festa se pode observar. É o xeito de realizalo(coñecido como "aloitar") o que diferencia á Rapa de Sabucedo do resto das feitas en toda Galicia, por non se utilizar máis armas que o propio corpo e forza do aloitador. No resto das rapas é común ver cordas e varas das que o home se axuda para gañarlle esa loita ós animais, mais na de Sabucedo, so un código de accións vale para conseguir vencer ás bestas nunha loita corpo a corpo. Este código baséase nunha forma de actuar e aloitar que se herdou de xeración en xeración: dous aloitadores van á cabeza e un ó rabo.

1- O primeiro dos aloitadores que vai á cabeza debe ser o que salta enriba da besta e cabalga sobre ela.

2- Pouco despois, o segundo da cabeza acude na súa axuda. Cando éste chega e se engancha das crinas dianteiras, o que está subido no équido debe baixarse.

3- Ao mesmo tempo o aloitador que vaia ó rabo debe facer unha serie de movementos para intentar desiquilibrar ó animal.

A besta pode quedar de pé ou ser derribada dependendo da forza que ésta exerza. Non é un traballo doado xa que conleva unha forte compoñente de aprendizaxe a priori, posto que o aloitador ha de saber “cruzar” ben o animal. Esta acción correspóndese con encaixar a man na parte inferior da queixada do cabalo, pasándolle o outro brazo arredor do pescozo. Cando a besta queda inmobilizada, procédese ó corte das crinas, que os cativos se ocuparán de gardar nas esteiras.

Mulleres aloitadoras

Durante a Guerra Civil

En Sabucedo aconteceu durante a Guerra Civil, época na que moitos veciños de Sabucedo foran chamados a filas, polo que tiveron que ser as mulleres que quedaban na aldea as que se encargaron de organizar a Rapa das Bestas durante os anos que durou a contenda bélica. É algo que as avoas de Sabucedo contan aínda hoxe con moito orgullo.

Na actualidade

Anos máis tarde foron apareceron as aloitadoras como algo normal e habitual no Curro, cunha serie de magníficas rapazas que son motivo de especial orgullo para as veciñas e veciños de Sabucedo.

Horario

Ao longo da Rapa celébranse 3 Curros:

Sábado: dende as 19:00 ata as 21:00 horas

Domingo: dende as 12:00 ata as 14:00 horas

Luns: dende 12:00 ata as 14:00 horas

Entradas

As entradas para asistir ó Curro véndense dende dúas horas antes nas ventaniñas do propio recinto ó prezo de:

10€ para adultos

5€ para os máis cativos

Tes a posibilidade de mercar as entradas anticipadamente de maneira on-line no seguinte enlace:

ENTRADAS
Profesionais

Os profesionais (medios de comunicación, fotógrafos...) que desexen tomar imaxes (fotografía e audiovisual) dende a area do Curro deben solicitar previamente a súa acreditación no siguinte enlace:

PRENSA

Que é o Curro

O Curro é o recinto destinado especificamente á “rapa” propiamente dita das bestas. En Sabucedo hai dous:

Curro Vello

O chamado curro “vello” atçopase ó lado da igrexa parroquial, construído na súa primeira fábrica no ano 1779. Foi Felipe Carabeo, párroco de Sabucedo e Liripio, quen tomou a iniciativa para a súa construción solicitando o debido permiso ó arcebispo de Santiago. Con anterioridade facía de curro o propio adro da igrexa parroquial. Así no ano 1742 quedou anotado o seguinte gasto relacionado coa baixa das bestas: "un cañado de vino que se gastó el día que se trajeron las yeguas al curro: 15 reales". Foi nese mesmo ano da construción do curro vello (1779) cando tamén se construíu ó lado do mesmo unha pequena edificación, a “caseta” (así chamada desde o século XVIII), que cumpriu determinadas funcións relacionadas coa Rapa ata case finais do século pasado.

Curro Novo

Dende 1997, durante a festa da Rapa dese ano, celebrouse a inauguración no novo emprazamento na zona do "Campo do Medio" (na parte norte de Sabucedo e a carón da vella estrada) coa presenza de autoridades locais e autonómicas. Estivo tamén presente o escultor do bronce feito arte —con escenas da baixa e da rapa— dos portóns do curro, Xoán Xosé Oliveira.

Escultura Oliveira

O Curro ten na súa parede frontal unha escultura do artista Juan Oliveira, coñecido pola súa obra en xeral, e pola escultura dos cabalos da Praza de España en Vigo en particular.